AGACA organiza unha Xornada sobre estratexia e calidade do leite en Galicia
•Analizaranse as tendencias de mercado, as normativas comunitarias e a implantación de normas de calidade como o Referencial de Leite de Vaca Certificado de Cooperativa. •Agárdase a asistencia de máis de 200 cooperativistas que xa teñen implantado o Referencial de Leite de Vaca Certificado de Cooperativa aos que se entregará o Certificado pertinente ao remate da xornada.
(01/07/2008)
Santiago, 1 de xullo de 2008.- O vindeiro xoves, día 3 de xullo, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias en colaboración coa Confederación de Cooperativas Agrarias de España (CCAE) ten previsto organizar unha xornada centrada no sector lácteo, un sector estratéxico para o agro galego no que arredor do 50% das cooperativas agrarias ten intereses directos.
Entre os temas a tratar figuran a previsible evolución da normativa comunitaria do sector analizada por altos cargos do Ministerio de Medioambiente e Medio Rural e Mariño e da Consellaría do Medio Rural da Xunta; coñecer as tendencias no consumo e na industrialización e difundir as accións encamiñadas á implantación de normas de calidade como o Referencial de Leite de Vaca Certificado de Cooperativa coa participación de expertos na implantación de normas e sistemas de calidade.
Pola repercusión dos aspectos a tratar e a incidencia do sector lácteo no cooperativismo agrario galego, presúmese unha importante afluencia de público entre o que figurarán máis de 200 cooperativistas que, a día de hoxe, xa teñen implantado o Referencial de Leite Certificado de Cooperativa, unha mostra da iniciativa do sector por apostar pola calidade e a seguridade do produto mediante certificado externo que avale o “saber facer” das nosas cooperativas lácteas.
O Referencial de Leite Certificado de Cooperativas é un certificado outorgado por unha entidade certificadora especializada no sector agroalimentario a aquelas cooperativas que voluntariamente se someten e superan as rigorosas e exhaustivas auditorías seguidas en canto aos requisitos no sistema de produción, almacenaxe, recollida, transporte, tratamento e control tanto do produto en si, como dos rexistros efectuados durante a manipulación do leite.
(c) 2007, AGACA - Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia :: Aviso legal