AGACA solicita indemnizacións urxentes para os agricultores e gandeiros galegos afectados polo temporal destes días
Invernadoiros arruinados, producións perdidas, danos nas estruturas de edificios de cooperativas, cortes e espazos de almacenamento e importantes estragos no ámbito forestal son algunhas das consecuencias máis evidentes
(26/01/2009)
Aínda que non se dispoñen de datos oficiais, son cuantiosos os danos que o temporal iniciado o pasado venres provocou no contorno rural. Sumados a todos os desperfectos que se detectaron en vivendas e infraestruturas, incluso das propias cooperativas, engádense os numerosos danos que están a sufrir os agricultores e gandeiros directamente relacionados co seu medio de vida.
Dende a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias demandamos a habilitación dunha partida urxente de axudas públicas destinadas a aliviar as enormes perdas do sector agrogandeiro.
Numerosas chamadas e comunicacións coas cooperativas dan conta das cuantiosas perdas sufridas en subsectores como o de horta e flor, no que os fortes ventos deste fin de semana destruíron as estruturas dos invernadoiros, co que, ademais de perder o valor da propia estrutura, os horticultores constataron como se derramou a produción, tendo en conta que, gran parte deles, xa iniciaran os labores de plantación.
Tamén se contabilizan danos nas estruturas das cortes do gando (vacún, porcino, coellos, aves, etc.), con desprendementos de cubertas; perdas de leite polos sistemas de frío dos tanques de muxido nas explotacións leiteiras parados polos cortes de luz, que aínda perduran dende o venres, e que tamén inciden de xeito directo na perda de grandes cantidades de alimentos que se estaban a conservar nos arcóns conxeladores, tan habituais en todas as vivendas rurais, cheos estes días, co resultado das últimas matanzas, e importantes estragos nos montes ocasionando elevadas perdas no contorno forestal.
A Administración debe axudar a facer fronte ás importantes consecuencias que este temporal ten ocasionado a un sector tan importante para a economía de Galicia e tan vulnerable, como o agrogandeiro, sempre exposto aos efectos da climatoloxía.
(c) 2007, AGACA - Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia :: Aviso legal