As cooperativas galegas secundarán as mobilizacións previstas para o día 20 e 21
Prevense paros na actividade o día 20 en toda España e unha manifestación multitudinaria en Madrid o sábado 21. Nos últimos cinco anos perdéronse 124.000 empregos e a renda agraria reduciuse un 26% en todo o Estado.
(16/11/2009)
A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) xa contactou con todas as cooperativas agrarias socias de Galicia para achegarlles información e solicitar a súa adhesión ás medidas de protesta acordadas polas organizacións agrarias a nivel nacional (ASAJA, COAG e UPA)tamén secundadas por Cooperativas Agro -alimentarias e a nivel autonómico, por Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Agrario e Unións Agrarias, en defensa do sector agrogandeiro.
Así ante a grave situación pola que están a atravesar todos os subsectores agroalimentarios e a falta de solucións das distintas Administracións públicas, AGACA acordou apoiar estas iniciativas e mobilizar aos seus socios de Galicia.
Segundo datos do MARM, nos últimos cinco anos (2003-2008), os datos da evolución da renda agraria real total amosan un descenso do 26% sumado a unha perda de 124.000 empregos, ademais dun incremento importante dos custes da produción agraria, un 34,3%.
Dende a Asociación somos conscientes do gran esforzo que supón para os agricultores e gandeiros galegos desprazarse ata Madrid precisamente nestes momentos tan cruciais para a súa economía e a das cooperativas pero pensamos que é precisa a implicación de todos os afectados en aras de ofrecer unha visión de conxunto da crúa realidade.
(c) 2007, AGACA - Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia :: Aviso legal